Obra CEIP de Roxos, Santiago de Compostela

Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es/portal)

O conselleiro de Cultura e Educación salienta o bo avance das obras de ampliación do CEIP de Roxos, que estarán rematadas a fin de ano

O novo volume albergará, entre outros dependencias, 3 aulas de infantil e 2 de apoio
Román Rodríguez salientou un investimento de preto dun millón de euros na dotación de novos espazos a centros de ensino de Santiago e a súa área
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras de ampliación do CEIP de Roxos, nas que o seu departamento inviste máis de 640.000 euros. Respecto do avance dos traballos, sinalou que marchan a bo ritmo, xa que está en execución a estrutura da edificación. Así as cousas, o previsto é que as novas instalacións estean rematadas a finais deste ano.

Román Rodríguez, -que estivo acompañado na súa visita pola delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; e polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén-, tamén salientou o investimento de preto de 1 millón de euros na segunda parte deste ano para a atención ás necesidades de escolarización en Santiago de Compostela e a súa área. Neste sentido lembrou que, ademais de dotar de máis espazo ao centro de Roxos, se executou a ampliación do CEIP Monte dos Postes, cun orzamento de 310.000 euros.

As obras no CEIP de Roxos consisten na construción dun novo volume de 620 metros cadrados de planta baixa para albergar 3 aulas de infantil, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio educativo, unha sala de profesores e zonas comúns. Esta edificación está concibida para, de ser necesario nos próximos anos, poder ampliarse con outras 3 aulas de infantil.

O novo volume realízase segundo un sistema construtivo convencional de estrutura de formigón armado, cuberta de chapa metálica prelacada, peches de fábrica de ladrillo con revestimento exterior de monocapa e carpinterías exteriores de aluminio. Cómpre salientar que o sistema escollido para a calefacción é o uso de biomasa, co fin de acadar unha maior eficiencia enerxética.

Esta actuación súmase ás melloras realizadas no centro nos últimos anos, en concreto para a construción dun aseo, reforma eléctrica e instalación dun novo portal de acceso.